Axenda
Reforma de Praza Municipal de Maceira e contorno dende a perspectiva do deseño e da Accesibilidade Universal.
- 11/06/2018 -
Operación cofinanciada pola Unión Europea, do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, co Obxectivo Temático 9: "Promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e contra calquera tipo de discriminación". Unha maneira de facer Europa.
 



PUBLICIDAD E INFORMACIÓN AO PÚBLICO DA ACTUACIÓN "REFORMA DE PRAZA MUNICIPAL E CONTORNO DENDE A PERSPECTIVA DO DESEÑO E DA ACCESIBILIDADE UNIVERSAL" (PRAZA DE MACEIRA NO CONCELLO DE COVELO. Situación: Lugar A Igrexa 26 Maceira – 36873 Covelo (Pontevedra)). OPERACIÓN COFINANCIADA POLA UNIÓN EUROPEA, DO PROGRAMA OPERATIVO FEDER GALICIA 2014-2020, CO OBXECTIVO TEMÁTICO 9: "PROMOVER A INCLUSIÓN SOCIAL, LOITAR CONTRA A POBREZA E CONTRA CALQUERA TIPO DE DISCRIMINACIÓN". UNHA MANEIRA DE FACER EUROPA.
 

En cumprimento das obrigas da adecuada publicidade, comunicación e información, ponse en coñecemento dos cidadáns nesta Sede electrónica do Concello de Covelo a actuación de "REFORMA DE PRAZA MUNICIPAL E CONTORNO DENDE A PERSPECTIVA DO DESEÑO E DA ACCESIBILIDADE UNIVERSAL" (PRAZA DE MACEIRA NO CONCELLO DE COVELO) que vaise a levar a cabo grazas á inestimable axuda financieira da Unión Europea, mediante o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no programa operativo Galicia 2014-2020, nunha porcentaxe do 80% obxectivo temático 9.

O obxectivo (O.T.9) é promover á igualdade, a saúde e a inclusión social mendiante a adaptación de infraestruturas e dotación de equipamento nos edificios e espazos de uso público co fin de conquirir a accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de comunicación e así, ademais de beneficiar toda a poboación en xeral, garantir o pleno exercizo dos dereitos e liberdades das persoas con discapacidade.

Ademáis, procedeuse a colocación de carteis informativos sobre dito proxecto, cofinanciado pola Unión Europea, nas entradas dos edificios do Centro Cultural de Maceira e do propio Concello de Covelo.

O contido íntegro do Proxecto e información do mesmo foi posto a disposición dos veciños no enlace da páxina web do Concello “Participación. Covelo faino ti“.

Orzamento total da actuación contemplado no Proxecto: 74.949,82 €

Segundo Resolución da Consellería de Política Social, Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, da Xunta de Galicia, de 31 de decembro de 2017, concedeuse unha subvención a este Concello de Covelo o abeiro da Orde do 21/07/2017, modificada por Orde do 22/12/2017, da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos galegos, destinadas á mellora da accesibilidade nos edificios e espazos de uso público, cofinanciadas polo programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018 (DOG Núm. 151 do 9 de agosto de 2017).

Importe da Subvención concedida: 52.464,87 €, o sexa o 70% do Orzamento do Proxecto.

Levouse a cabo o procedemento administrativo de contratación das obras de Reforma da praza de Maceira e do seu contorno co número de Expediente 87/2018, e adxudicouse a execución das mesmas á empresa EXCAVACIONES Y CONSTRUCCIONES LAUREANO COVELO, S.A., como oferta económicamente máis vantaxosa, polo importe de 46.410,00 € e 9.746,10 € de IVE, total 56.156,10 €, comprometéndose a empresa a realizar melloras consistentes na ampliación nun ano no prazo de garantía (total 5 anos) que figura na súa oferta. Prazo de execución: 3 meses. Prazo de garantía: 5 anos.

DESCRICIÓN DO PROXECTO "REFORMA DE PRAZA MUNICIPAL E CONTORNO DENDE A PERSPECTIVA DO DESEÑO E DA ACCESIBILIDADE UNIVERSAL" (praza de Maceira no Concello de Covelo). OBXECTIVOS E RESULTADOS PREVISTOS.-

Segundo dispón a Orde do 21/07/2017 sinalada, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos galegos, destinadas á mellora da accesibilidade nos edificios e espazos de uso público, cofinanciadas polo programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020: “A accesibilidade universal é a condición que deben cumprir os contornos, procesos, bens, produtos e servizos, así como os obxectos ou instrumentos, ferramentas e dispositivos, para que todas as persoas poidan ter unha participación social plena. Trátase dun concepto relacionado coa idea de “deseño para toda a cidadanía“, o deseño universal entendido como factor que permite crear produtos, contornos e comunicacións de modo que sexan utilizables por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade e da forma máis autónoma e natural posible, sen necesidade de adaptación nin diseño especializado. Polo tanto, beneficia o conxunto da poboación, con independencia das súas capacidades.

Este enfoque conceptual recóllese na Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020, dada a gran relevancia que ten esta dimensión para a vida das persoas con discapacidade e xustifica que, ademais da súa consideración transversal a toda a estratexia, se lle dedique á accesibilidade unha das súas liñas, co fin de garantir o pleno exercicio dos dereitos e liberdades desta parte da cidadanía e asegurar a accesibilidade universal, xa sexa ao contorno físico en xeral como aos ámbitos social, económico, político, cultural, etc.

Con independencia doutras normas anteriores, cómpre sinalar o Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, en que se establece que, co fin de que as persoas con discapacidade poidan participar plenamente en todos os aspectos da vida en igualdade de condicións coas demais persoas, os poderes públicos adoptarán medidas para asegurar a accesibilidade universal, entre outros ámbitos, nos servizos e instalacións de uso público. Así mesmo, a Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade de Galicia, ten como obxectivo acadar unha sociedade inclusiva e accesible que garanta a autonomía das persoas, evite a discriminación e favoreza a igualdade de oportunidades para toda a cidadanía, especialmente para as persoas que teñen discapacidades.

É indubidable que se ten avanzado na aplicación dos criterios de accesibilidade, pero resulta necesario continuar apoiando medidas de fomento que reduzan as carencias de accesibilidade existentes e lograr que os contornos e servizos sexan sempre universalmente accesibles e, neste sentido, o programa operativo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Galicia 2014-2020, en que se enmarca esta convocatoria, recolle no seu obxectivo temático 9 «Promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e contra calquera forma de discriminación», prioridade de investimento 9.7 «Investimento en infraestrutura sanitaria e social que contribúa ao desenvolvemento nacional, rexional e local e á redución das desigualdades sanitarias, ao fomento da inclusión social mediante un acceso mellorado aos servizos sociais, culturais e recreativos e a transición dos servizos institucionais aos servizos locais», obxectivo específico 9.7.1 «Investimento en infraestrutura social e sanitaria que contribúa ao desenvolvemento nacional, rexional e local e reduza as desigualdades sanitarias e transición dos servizos institucionais aos servizos locais», actuacións dirixidas a establecer a accesibilidade universal como un elemento fundamental das infraestruturas sociais e espazos públicos, de xeito que as persoas con discapacidade poidan acceder a todos os contornos, procesos, bens, produtos e servizos, transportes, información e comunicacións, e calquera outro servizo ou instalación aberto ao público e/ou de uso público, concretamente na actuación 9.7.1.3.

A Consellería de Política Social, de conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, asume, entre outras, as competencias en materia de atención ás persoas con discapacidade, así como as relativas ao desenvolvemento de accións de fomento destinadas á promoción da accesibilidade universal e deseño para toda a cidadanía.

No marco desas competencias, así como en virtude do principio de colaboración entre administracións, a través da presente orde promoverase a realización de actuacións destinadas a mellorar a accesibilidade en edificios e espazos de uso público.

A finalidade desta convocatoria conta tamén co compromiso das entidades sociais representativas do sector da discapacidade para que, a través de actuacións como as que son obxecto dela, se garantan as condicións necesarias para que toda a cidadanía poida desenvolver a súa vida en condicións de igualdade e, para isto, a accesibilidade universal debe ser un elemento transversal en todos os ámbitos."

 

Tal como expoñíase no Proxecto "REFORMA DE PRAZA MUNICIPAL E CONTORNO DENDE A PERSPECTIVA DO DESEÑO E DA ACCESIBILIDADE UNIVERSAL", o actual goberno do Concello de Covelo leva anos tentando reformar a praza municipal que nos ocupa posto que é un punto de encontro principal para os veciños da parroquia de Maceira. Así mesmo, dado o elevado número de persoas maiores de 65 anos (o 39,71518% do total da poboación) e de persoas con discapacidades (o 12,3022%) tanto de tipo físico como sensorial ou cognitiva, é preciso que os espazos públicos sexan dotados de elementos e infraestruturas que fagan posible a accesibilidade universal, cun deseño para toda a cidadanía sen facer distincións en base a capacidades ou discapacidades de ningún tipo. Un espazo onde tódolos habitantes do Concello poidan sentirse en igualdade de condicións e poidan compartir un espazo máis alá das barreiras físicas, sensoriais ou cognitivas.

Na actualidade esta praza presenta moitas deficiencias que son preciso solucionar para garantir o acceso autónomo de tódolos veciños do termo municipal, posto que un dos maiores problemas que presenta atópase no pavimento actual. Un pavimento a base de formigón que é un barreira arquitectónica en si mesmo, tanto polo estado no que se atopa como polos encontros do mesmo cos diferentes pavimentos dos que rodean á praza e lle dan acceso á mesma. En moitas das zonas atópase máis elevado que o pavimento que a rodea, dando como resultado un desnivel insalvable para moitas das persoas que teñen problemas de mobilidade reducida, ben sexa permanente ou transitoria, e entendendo como tal non só aquelas persoas que precisan dunha cadeira de rodas para desprazarse, senón tamén as que precisan axuda dun bastón, dun andador, de muletas ou que empurran un carriño de bebé. Así mesmo no interior da praza existe unha reixa metálica que non se atopa correctamente enrasada no pavimento e que ademais presenta unha serie de buratos e ranuras que dificultan o acceso autónomo das persoas con problemas de mobilidade reducida. Estes dous problemas resultan tamén un problema para aquelas persoas con discapacidades visuais, xa sexan completas (invidentes) como parciais (perdas importantes de visión) posto que son obstáculos que poden provocar caídas importantes. Isto solucionarase coa retirada da actual reixa que se substituirá por un sistema de recollida de augas que irá enterrado e onde os novos sumidoiros recollerán a auga e conducirana ata o mesmo. Así mesmo o novo pavimento da praza realizarase en pedra e estará ao mesmo nivel dos pavimentos que rodean a praza, desaparecendo por completo os escalóns e desniveis.

É importante sinalar que no entorno desta praza atópase a Igrexa e o cemiterio parroquial, un dos motivos polos que esta praza é un punto de encontro tan importante para os veciños da zona, cuxo acceso sí se atopa adaptado, non obstante non existe un itinerario, un punto de unión entre ambos espazos (igrexa - cemiterio e praza municipal) o que pon en perigo en moitas ocasións aos peóns que cruzan a estrada PO-255, polo que se pretende dotar a zona dun paso de peóns que comunique ambas zonas de forma segura, para iso demolerase un edificio abandonado e sen uso existente na praza e ampliarase o espazo da mesma e será nesa zona onde desemboque o paso de peóns.

Por outra banda, dentro da propia praza deseñaranse itinerarios con pavimento podotáctil, en cor contrastada có resto do pavimento, que permitirá e mellorará o acceso autónomo tanto das persoas invidentes como daquelas que teñan perdas de visión, posto que a cor contrastada axudaralle a orientarse. Estes itinerarios marcarán os diferentes puntos de interese dentro da praza (zona de descanso con bancos), zona de desenvolvemento cognitivo (mesas adaptadas con xogos como o xadrez e o parchís) e zona de praza reservada a persoas discapacitadas; así mesmo tamén sinalarán e marcarán as zonas onde deben prestar atención e pararse pola existencia dun perigo (tráfico ou posibilidade de tropezar con outro peón que vaia polo itinerario accesible).

Así mesmo, a praza municipal dotarase cunha praza de aparcamento reservado a discapacitados que facilitará o acceso á mesma e tamén, grazas a instalación do paso de peóns, á zona da Igrexa e do Cemiterio parroquial.

Finalmente, e para crear un espazo integrador no que as discapacidades non supoñan un hándicap, crearase unha zona con elementos de estimulación cognitiva que favorecerá a integración daquelas persoas que presenten algún tipo de discapacidade cognitiva, axudándoos coa estimulación adecuada, pero que ademais, grazas a presentar un deseño que segue as bases do deseño universal, do deseño para toda a cidadanía, non os fará sentir diferentes nin excluídos. Así mesmo, son completamente accesibles para calquera persoa que poida presentar unha discapacidade física que os obrigue a desprazarse nunha cadeira de rodas ou teñan algún tipo de problema de mobilidade.

Con estas obras proponse unha reforma desta praza municipal dende o punto de vista da accesibilidade universal e do deseño para todos. Cabe sinalar a inexistencia en todo o termo municipal de espazos públicos pensados e deseñados para a súa utilización lúdica universal, polo que este espazo será o primeiro dentro do municipio en contar con equipamento que permitirá a integración de todos aqueles usuarios que así o desexen, ao instalarse mesas de xogo (xadrez e parchís) deseñadas dende o punto de vista da accesibilidade e deseño universal, de tal forma que calquera persoa independentemente das súas capacidades ou discapacidades as poida utilizar, sen facer distincións nin considerarse un elemento especificamente deseñado para persoas con discapacidades, favorecendo a integración e sen discriminacións. Do mesmo xeito, tamén se pretende crear unha zona de descanso con bancos, árbores e papeleiras que deseñada dende a perspectiva de deseño universal, de modo que todo o mobiliario urbano que se instale estará fabricado e deseñado dende esa perspectiva, así mesmo respectaranse os espazos mínimos entre o mobiliario para permitir o acceso autónomo das persoas con problemas de mobilidade reducida.

O concepto de accesibilidade universal que se pretende aplicar neste espazo público garante a tódalas persoas, con independencia da súa idade, capacidades ou discapacidades, as mesmas posibilidades de acceso á praza municipal e ao uso e desfrute dos servizos existentes na mesma coa maior autonomía posible na súa utilización. É responsabilidade da sociedade no seu conxunto e moi especialmente dos poderes públicos modificar o entorno de modo que poida ser utilizado en igualdade de condicións por todos e cada un dos cidadáns.

En canto o deseño para todos, que igualmente se quere empregar na reforma deste espazo público, enténdese como a actividade pola que se conciben ou proxectan, dende a orixe, e sempre que sexa posible, contornos, procesos, bens, produtos, servizos, obxectos, instrumentos, dispositivos ou ferramentas, de tal forma que poidan ser utilizados por tódalas persoas, na maior extensión posible. Tamén se pode entender como unha estratexia que ten como obxectivo deseñar produtos e servizos que poidan ser utilizados polo maior número posible de persoas, considerando que existe unha ampla variedade de habilidades humanas e non unha habilidade media, sen necesidade de levar a cabo unha adaptación ou deseño especializado, simplificando a vida de tódalas persoas, con independencia da súa idade, talla ou capacidade.

Aplicar os conceptos de Accesibilidade Universal e Deseño para todos neste espazo urbano, significa lograr que calquera persoa, con independencia da súa capacidade ou discapacidade, poida acceder a este espazo público, integrarse nel e comunicarse e interrelacionarse cós seus contidos. Sendo especialmente necesario a aplicación destes conceptos neste espazo público por ser, ademais, dun importante punto de reunión veciñal.

A mobilidade no entorno urbano, así como a súa percepción e comprensión resultan máis complicadas para aquelas persoas con algunha deficiencia física, psíquica ou sensorial. É frecuente a existencia de obstáculos que obrigan ao peón a modificar os seus recorridos, en moitos casos poñendo en xogo a súa seguridade, situacións que se agravan aínda máis se ese peón presenta algunha discapacidade. Neste caso o pavimento en mal estado, inadecuado e a diferentes niveis, así como os escalóns convértense en obstáculos infranqueables para o peón, en especial para aquel con discapacidade.

E este é o obxectivo que persegue o goberno local de Covelo coa remodelación deste espazo.

 

MEMORIA DESCRITIVA DAS UNIDADES DE EXECUCIÓN MATERIAL DO PROXECTO.-

1. DEMOLICIÓNS E MOVEMENTOS DE TERRAS

. Demolición de forxado macizo de formigón.

. Demolición de fábrica de bloques ocos prefabricados.

. Demolición de soleira de formigón en mal estado de praza .

. Retirada de varanda en mal estado.

. Retirada de reixa metálica en chan de praza.

. Demolición de banco de pedra en perímetro de árbore en mal estado.

. Explanación e nivelación a ceo aberto en praza .

. Escavación por medios mecánicos en apertura de gabias para instalación de tuberías de pluviais.

. Recheo localizado en gabias de instalación de tuberías de pluviais.

. Recheo, con zahorra artificial, en zona de demolición de construción existente.

. Escavación manual para arquetas de sumidoiros para recollida de pluviais.

2. CANALIZACIÓNS RECOLLIDA DE AUGAS

. Canalización de tubería de Ø315 para pluviais en praza .

. Canalización de tubería de Ø160 para pluviais en praza.

. Formación de sumidoiros de fundición para recollida de pluviais.

  3. PAVIMENTOS PRAZA DESEÑO UNIVERSAL

. Formación de subbase de formigón para pavimento de praza.

. Pavimentación con adoquín en zonas: aparcamento reservado para discapacitados e elementos estimulación cognitiva.

. Pavimentación con baldosas graníticas sobre piso de morteiro á praza, con colocación de pavimentos podotáctil: advertencia de parada/perigo e indicación itinerario.

. Colocación de bordillo de granito en perímetro de praza, perímetro de zona de aparcamento reservado e zona de estimulación cognitiva.

4. MOBILIARIO URBANO PRAZA

. Instalación de bancos, papeleiras, alcorques adaptados.

. Formación de banco de granito en perímetro de árbore.

. Instalación de varanda metálica en separación de campo de fútbol e praza.

  5. XARDINERÍA EN CREACIÓN ZONA DE DESCANSO

. Plantación de árbores.

6. SINALIZACIÓN APARCAMENTO RESERVADO DISCAPACITADOS

. Pintado de praza de aparcamento e colocación de sinal vertical reservado a discapacitados.

7. ELEMENTOS PARA INTEGRACIÓN E ESTIMULACIÓN DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE COGNITIVA

. Colocación de elementos adaptados: mesa de xadrez, mesa de parchís e xogo tres en raia.

 8. INSTALACIÓN DE PASO DE PEÓNS PARA ACCESO DENDE A PRAZA Á IGREXA E CEMITERIO

. Pintado de paso de peóns en unión de praza coa Igrexa e cemiterio.

. Colocación de sinal vertical advertencia de paso de peóns.

  

 

Juan Pablo Castillo Amigo

ALCALDE DO CONCELLO DE COVELO   



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade