Actualidade e Noticias



O Concello executa as obras de mellora da casa social de San Salvador de Prado
- 24/11/2022 -

O alcalde Pablo Castillo adianta que o principal obxectivo é dotala de accesibilidade tanto no interior como no exterior
O concello de Covelo informa da execución das obras de mellora da casa social de Prado e da súa contorna, ubicada no lugar de Cende na parroquia de San Salvador de Prado. O proxecto conta co apoio da Deputación de Pontevedra que aportará 40.000,01 euros, sendo o orzamento total de 40.464,64€.


As obras teñen como obxectivo principal garantir a accesibilidade, “é fundamental que todas as persoas, independentemente da súa condición física ou mental, poidan desfrutar das actividades, dos espazos ou dos servizos públicos e municipais e os nosos esforzos irán principalmente enfocados a facelo posible”, explica o alcalde Pablo Castillo.


O proxecto contempla a mellora da accesibilidade aos aseos existentes no andar baixo da devandita casa social e no exterior co obxectivo de optimizar os espazos e o acceso ao parque infantil existente, a mellora da pavimentación, tamén da iluminación das instalacións, a creación de salas de reunión dos veciños e usuarios e a mellora da pista deportiva.


Con esta intervención darase solución ás principais incomodidades que presenta o conxunto total como a entrada irregular que alterna zonas de firme con zonas de terra, a dificultade de acceso ao parque infantil, a dispersión dos xogos instalados, a falta de pintura e presenza de lixo na pista multideporte, a precariedade lumínica dos aseos ou a falta de conexión á rede de saneamento, ademais de retirar as portas estreitas e pratos de ducha con resalte para convertelos en aseos accesibles para persoas con mobilidade reducida.

Comprometidos coas necesidades da cidadanía, o alcalde Pablo Castillo salienta a importancia dos espazos de convivencia como o son as casas e centros culturais, “apoiar as iniciativas da veciñanza e potenciar as casas e centros culturais é indispensable para o desenvolvemento das actividades diarias das persoas do rural, xa que actúan como potentes elementos dinamizadores das relacións sociais e son lugares donde compartir o tempo de lecer”.


Castillo sinala tamén que é fundamental planificar e deseñar pensando no perfil dos usuarios/as dos espazos públicos ademais de ofertar tamén servizos e infraestruturas que poidan atraer a nova veciñanza.


A casa cultural atópase nunha parcela de 2,224 m², dos que 800 m² son de uso deportivo cunha pista multideporte.No resto da parcela hai, ademais, un parque infantíl e unha zona verde.






<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade