Actualidade e Noticias



A Mostra de Produtos de Covelo, edición especial Nadal, abrirá as súas portas ata as 19 horas
- 02/12/2022 -

O Concello de Covelo informa que este sábado día 3 haberá unha edición especial nadal da Mostra de Produtos de Covelo que prolongará o seu horario e irá de 10 a 19 horas para ofrecer música, artesanía, gastronomía e actividades infantís.


A praza Mestre Cerviño acollerá a última feira deste ano 2022 con postos de adornos de nadal, bolaría, caracois comestibles,cerámica polimérica, cestaría, cervexas, cosmética natural, decoración, especies a granel, horta ecolóxica, licores, macramé, maquetería, mel, panadaría artesá, pintura, textil, xoiaría… e moitos máis postos de produtos de proximidade e artesás, ademais dos de moda e decoración de segunda man e postos dos colexios para recadar fondos para as súas excursións.


Ás 12:30 horas haberá bailes, xogos, panxoliñas e concurso de baile para nenos e nenas e ás 17:30 horas chegará a música en directo á praza con música do duo Gure Terra e a visita de Papá Noel que recollerá a ilusión das cativas e cativos para levala a Laponia na súa caixa de correos.


Coa caída da tarde chegarán as luces de Nadal que veremos brilar para arroupar a feira e logo apagaranse ata o martes día 6 de decembro que será o acendido oficial das luces de Nadal en todo o concello, centro urbano e parroquias.



O domingo día 11 terá lugar no pavillón municipal de Covelo o Festival de Nadal do Club de Patinaxe e o domingo 18 ás 18:30 horas será a gala dos galardóns “Síntete Covelo 2022” no auditorio municipal do concello coa actuación de Antonio Barros e Ialma.


O venres 23 a compañía Asacocirco actuará na praza Mestre Cerviño ás 16:30 horas e o día 30 a esta mesma hora actuarán os Zancudos de Branco.


O día de Reis, 6 de xaneiro, sairá o rei Melchor ás 16:30 da parroquia de Fofe para ir a Piñeiro, Barcia de Mera e Casteláns e o mesmo fará Gaspar dende A Graña, Campo, Godóns, Prado e Maceira e Baltasar dende Prado da Canda, Lamosa, Paraños e Santa Mariña. A Cabalgata dos Reis Magos chegará á praza Mestre Cerviño arredor das 18:30 onde entregarán agasallos doces para todos os nenos e as nenas ao tempo que gozan de animación musical para toda a familia.


O sábado 7 de xaneiro de 2023 teremos unha cita coa Mostra de Produtos de Covelo na praza Mestre Cerviño no seu horario de costume, de 10 a 14 horas aproximadamente e ás 18:30 horas o Concerto de Nadal da Coral Xuntanza de Covelo no auditorio municipal.


Un Nadal en familia no que gozar de actividades para todos os públicos e no que a maxia destas datas chegue a todas as parroquias, así queremos celebrar estas festividades dando a posibilidade de reencontrarnos con amigos e compartir tempo coas persoas da nosa contorna”, engade o alcalde.





<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade