titulo suido

A Serra de O Suído figura nas Normas Complementarias e Subsidiarias do Plan da Provincia de Pontevedra como Espazo Natural.
Dende o Pico de Avión, Xuarquiña, Lomba da Serra, Chan da Lama, Coto Bidueiros, Portiño Escuro, son algúns puntos ós que se pode acceder para contemplar a fermosura que se estende ós seus pés.

Dende o alto divísanse vales, que parecen cortados en rectángulos e pintados con verdes de distintas tonalidades. Algúns bosques autóctonos, como o que podemos ver dende o alto de A Guía de Piñeiro , antóllanse lugares ideais para o descanso.

A serra de O Suído forma un límite natural, entre as provincias de Ourense e Pontevedra . Abrangue parte dos municipios de Avión e Beariz en Ourense e os de A Lama, Fornelos de Montes e Covelo en Pontevedra . As chairas ou altas planicies fan difícil a súa precisión xurisdiccional dos límites provinciais, por iso dende antigo xa foi zona de litixio entre os Condes de Ribadavia e os de Soutomaior , señores da zona. Algúns tramos da verea de Santo Domingo tómanse como a divisoria provincial actual.

A súa extensión ocupa case douscentos quilómetros cadrados. Forma parte dun cordón montañoso que divide en dous a rexión galega, ao leste queda o Miño ; polo sur ábrese ó Val de Mondariz , o Monte Pedroso e o Faro de Avión; ó Norte continua polos altos do Paraño coa Serra do Testeiro.
A altitude media está arredor dos 800 metros , aínda que hai moitos cotos que superan os novecentos metros e algúns cumes os mil.

A gandería en extensivo e o lobo. Neste lugar pódese atopar aínda a presenza dun depredador mítico en todos os pobos destes vales: o lobo. Nas Chans do Suído consérvase aínda un vestixio da abundancia deste animal en forma de trampa dedicada á súa captura e eliminación. Tamén atopamos as construccións denominadas " chozos " consistentes en recinto pechado en pedra onde se gardaban as vacas cos seus becerros que naqueles tempos pastaban no monte. Este recinto circular incluía no seu interior unha construcción primitiva para resgardarse os pastores encargados ou pagados para vixiar as vacas pertencentes a propietarios de diversas parroquias e tamén de zonas mais afastadas (facíase unha transhumancia do gando e existían dereitos históricos de pastoreo en todas esas chairas).
Nos " Foxos do Lobo", construccións destinadas á eliminación do depredador, dous muros formando unha uve comezando nunha boca angosta, aumentan en altura e vanse estreitando ata desembocar nunha foxa profunda (3- 4 metros ). Os gandeiros, en batidas e facendo ruídos, dirixían ós lobos cara esa canle alta e de pedra, ata que chegaban a ese foso final onde se vían obrigados a precipitarse empurrados polas pedradas e as longas " forquillas " de madeira que portaban os batedores. Unha vez dentro do foso e sen posibilidades de saír, remataban apedrados ou atravesados polas gallas. Existen trampas idénticas no Parque Nacional de Serra Xerés que foron recuperadas e forman parte das rutas turísticas da parte portuguesa.

Na actualidade, a abundancia de gando vacún en extensivo provoca unha persecución similar se ben con métodos menos selectivos.

Algúns defenden que topónimos como a Pena Forcada (Pena do Aforcado) móstrannos ancestrais costumes no referente o trato dado ós ladróns de gando por estes territorios.


OS CHOZOS

Como indicamos as construccións denominadas " chozos " consisten en recintos pechados en pedra onde se gardaban as vacas cos seus becerros que en aqueles tempos pastaban no monte e que incluía no seu interior unha ou varias construccións primitivas.