Actualidade e Noticias



Covelo crea un itinerario peonil que conectará a igrexa de San Martiño e o centro de Barcia de Mera
- 15/12/2022 -

O alcalde Pablo Castillo adianta que se aumentará nun 130% a superficie de uso peonil
Fomentar a mobilidade activa creando espazos públicos seguros e agradables é o obxectivo da obra de “acondicionamento dun itinerario peonil de conexión entre o núcleo de Barcia de Mera e a igrexa de San Martiño” que, segundo adianta o alcalde de Covelo Pablo Castillo, conta xa co visto bo da Deputación de Pontevedra.

 

Grazas a esta obra o Concello de Covelo aumentará nun 130,3% a superficie peonil nesta zona devolvendo ás persoas 908 m2 , acadándose un total de 1.605 m2 para os peóns e dando resposta ás esixencias ÁGORA da Deputación de Pontevedra.

 

O proxecto abrangue un ámbito de actuación dunha superficie aproximada de 2.699 m2 que comprende a área de acceso ao conxunto barroco da igrexa e á rectoral e o camiño público que conecta esta área co núcleo de Barcia de Mera, actuando desde o entronque coa praza central situada no cruce coa estrada PO-9204 ata o ámbito do conxunto abacial.

 

Proxéctase a substitución do firme asfáltico do ámbito con pavimentos de gran calidade, como lousa e adoquín de granito, ou formigón lavado, que se concretarán na fase de proxecto. De xeito complementario prevese a dotación de mobiliario urbano e iluminación, así como a creación de pequenas áreas de descanso e estancia á sombra.

 

As actuacións proxectadas pretenden formalizar unha senda peonil no camiño de conexión do núcleo co ámbito da igrexa, que permitirá únicamente o tránsito rodado para residentes. Proponse tamén acondicionar a área de acceso incrementando sutancialmente a superficie peonil. Deste xeito garántese o cambio de prioridades de mobilidade, outorgando ao peón o primeiro lugar en detrimento do vehículo.

O proxecto garante a accesibilidade universal, cumprindo rigorosamente coa normativa de aplicación, tanto autonómica como estatal; sempre e cando a topografía existente (de pendente moi acusada) así o permita.

 

As restricións do tráfico rodado facilitarán o seu uso a pé contribuíndo a unha maior autonomía tantos dos cativos e cativas como dos e das nosas persoas maiores ademais do fomento de hábitos de vida máis saudables. Tamén terá presente a perspectiva de xénero buscando espazos amplos, con boa visibilidade e ben iluminados.

 



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade