Actualidade e Noticias



Covelo Cóidate ofrece unha charla sobre a diabetes mellitus
- 22/05/2024 -

As profesionais sanitarias do centro médico local formarán á poboación para o coñecemento desta enfermidade o vindeiro luns 27 ás 16:30
O programa “Covelo Cóidate” en colaboración co centro de saúde local ofrece unha nova charla de formación este luns día 27 ás 16:30 horas no auditorio público municipal.


A médico Laura Fernández e a enfermeira Andrea García afondarán no coñecemento da diabetes mellitus para que o público entenda a quen afecta esta doenza e por que e a que controis nos debemos someter. Durante a sesión, as profesionais do SERGAS, solventarán as dúbidas do público asistente. A diabetes mellitus é unha enfermidade crónica na que o corpo non pode regular a cantidade de azucre no sangue.


Segundo a Federación Internacional de Diabetes (FID) 537 millóns de adultos viven actualmente con diabetes en todo o mundo; é un incremento do 16% (74 millóns) desde as estimacións anteriores realizadas pola FID en 2019. A 10ª Edición do Atlas da Diabetes revela que hai uns 5,1 millóns de adultos en España que viven con diabetes. Isto supón que o número de persoas con diabetes incrementou en España nun 42% desde o 2019.


A prevalencia da diabetes en España alcanzou o 14,8%. Afecta a un de cada sete adultos e é a segunda taxa máis alta de Europa. Ademais, o gasto sanitario relacionado coa diabetes en España alcanzou os 14.200 millóns de euros, o que sitúa o país na lista dos dez primeiros países en canto ao gasto sanitario relacionado coa diabetes.

Case un terzo (30,3%) das persoas que viven con diabetes en España non están diagnosticadas. Cando a diabetes non se detecta ou non se trata adecuadamente, pode causar complicacións graves e potencialmente mortais, como p. ex. un infarto de miocardio, un accidente cerebrovascular, unha insuficiencia renal, unha cegueira ou a amputación de membros inferiores. Estas complicacións reducen a calidade de vida e aumentan os custos sanitarios.


Covelo Cóidate é un programa do Concello de Covelo para formar e informar á cidadanía co obxectivo de implantar hábitos de vida que melloren a saúde e contribúan na prevención precoz das doenzas.






<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade