Actualidade e Noticias



A XUNTA INVISTE PRETO DE 70.000 EUROS PARA A MELLORA DA REDE DE ABASTECEMENTO DE AUGA NO PIÑEIRO DE AREAS, EN COVELO
- 14/01/2026 -

Os traballos consistiron na construción dunha nova edificación e depósito de augas e na mellora do sistema de distribución
O delegado territorial destacou a importancia de manter unha boa colaboración entre institucións para facer un uso eficaz e eficiente dos recursos públicos.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a zona Piñeiro de Areas, en Covelo, para comprobar o resultado da actuación de mellora da rede de abastecemento de auga.

 

A actuación, que foi posible grazas a unha achega de preto de 70.000 euros da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, consistiu na construción dunha nova edificación e depósito de augas e na mellora do sistema de distribución do mesmo. Desta forma o concello conseguiu optimizar o subministro de preto de 50 vivendas e diminuír o risco de fugas.

 

O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor a importancia de manter unha boa colaboración entre institucións para conseguir que os recursos públicos se utilicen de forma eficaz e eficiente. Neste sentido, Reguera asegurou que “é de vital importancia contar con alcaldes como Pablo Castillo, que coñece as necesidades dos seus veciños e que traballa ‘sobre o terreo’ para darlles solución”.

 

Cabe destacar que esta liña de axudas beneficiou a preto de 20 concellos da provincia de Pontevedra por un valor próximo aos 750.000 euros.  Na comarca do Condado-Paradanta, recibiron esta axuda os concellos de Covelo, Arbo, A Cañiza e As Neves.

 

FCA

O FCA foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. As accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio.

Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural.




<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade