Actualidade e Noticias



Covelo lanza a súa proposta anual de visitas guiadas e interpretadas
- 11/01/2024 -

Xornadas de portas abertas do Serradoiro dos Carranos e da súa aula da natureza e patrimonio etnográfico, roteiros guiados, observación do ceo nas catro estacións e saídas didácticas para escolares
Fomentar hábitos de vida saudables, pór en valor o seu patrimonio natural e dinamizar o rural son algúns dos obxectivos da oferta de roteiros guiados e interpretados que o Concello de Covelo oferta ao longo do ano dun xeito estable, gratuíto e programado.


Neste 2024 seguiranse programando as xornadas de portas abertas do conxunto Serradoiro dos Carranos que alberga unha aula da natureza e interpretación do patrimonio etnográfico; roteiros guiados polo guía de montaña Julio Eiroa polas nove rutas locais; as visitas do alumnado do CEIP Antonio Rodríguez Blanco enmarcadas no proxecto RíosAldeasMontañas e os encontros de intrepretación astronómica, ademais dos roteiros polas dúas etapas da Vía Mariana ao seu paso por Covelo.


O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, sinala que con estas iniciativas dase a “coñecer o patrimonio natural e tamén histórico achegándose a el con respecto e guiados por profesionais que coñecen a fondo o territorio”.


Na programación que o Concello de Covelo vén de lanzar contémplanse un total de 12 xornadas de portas abertas do Serradoiro dos Carranos, unha por mes agás en marzo, e en decembro que se realizan dúas. Tamén se ofertan actividades de observación do ceo nas catro estacións marcadas para o mes de febreiro, abril, xullo e novembro baixo o título “Ceo de Inverno/Primavera/Verán/Outono. Paraxe Starlight”. Nove citas para camiñar e coñecer os roteiros do Concello e Comunidades de Montes en Man Común e dúas saídas pola Vía Mariana completan a oferta.


Ademais, os escolares participarán nas tres saídas didácticas do proxecto RíosAldeasMontañas que difunde a riqueza medioambiental de Covelo.


A programación estable de roteiros e visitas guiadas finánciase a través de fondos propios no marco do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra e responde á necesidade de difundir a importancia do respecto ao medio natural e de dar a coñecer este amplo patrimonio que en Covelo acada a súa máxima expresión.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade