Actualidade e Noticias



O Ciclo de Música de Barcia de Mera ultima en Covelo detalles da nova programación
- 24/01/2024 -

De abril a setembro terán lugar os concertos da décimo sexta edición
A Asociación Cultural Ciclo de Música de Barcia de Mera e o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, reuníronse para ultimar detalles da programación dunha nova edición do Ciclo de Música.

 

A décimo sexta edición abrirá as súas portas a última semana de abril para achegar a música culta á cidadanía. As máis afamadas e afamados músicos pasarán un ano máis pola igrexa de San Martiño, enclavada no conxunto histórico da rectoral de Barcia de Mera.

 

Música, voces e interpretación envolverá unha paraxe tan privilexiada como o público asistente aos concertos que conectarán a primavera co comezo do outono. Así, ao longo de cinco meses poderemos gozar de sete concertos que, como cada ano, encherán os bancos da igrexa.

 

Nieves García Sotos e o Pai Rafael, Alma Mater do Ciclo, adiantan que, previsiblemente, a presentación do programa será a principios de abril e que esta será unha edición con novidades xa que “o Ciclo de Música de Barcia de Mera medra cada ano ao igual que o interese do público e por iso queremos agasallarlles sorpresas e o mellor da música clásica actual”.

 

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, quere recoñecer o intenso traballo que realizan e a importancia desta cita anual estable que oferta cultura nunha parroquia do rural posibilitando o coñecemento de orquestras, solistas, artistas e músicos en xeral chegados de todo o mundo ademais de ser a mellor tarxeta de presentación para o público que descubre Covelo por vez primeira.

 

 



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade