O salón de plenos acolleu unha “sesión plenaria” cunha Corporación representada nos grupos de cuarto, quinto e sexto de educación primaria do CEIP Antonio Blanco Rodríguez. Os tres grupos expuxeron ao grupo de goberno representado polo alcalde, Pablo Castillo, a concelleira de Formación e Emprego, Lourdes Enes, e a concelleira da Muller, Estefanía Rey, as súas peticións.
O alumnado argumentou e motivou cada unha das súas propostas pondo enriba da mesa dende melloras do seu centro educativo á toma de decisións a nivel local que afectan a toda a veciñanza. Ao longo da sesión abordaron diferentes temáticas amosando especial interese e preocupación polo medio ambiente e polas infraestruturas públicas.
Canalizacións novas de baixadas e conduciós de augas, mantemento e renovación de persianas, xanelas, humidades do pavillón, bancos para as terrazas, melloras no invernadoiro escolar, renovación do parque do colexio, autobuses renovados, pasos de peóns nas paradas dos autobuses ou colocar cubertas nas pistas deportivas foron algunhas das demandas formuladas. Sobre estes asuntos o alcalde informou que concretamente no Plan +Provincia 2024 solicitouse proxecto de renovación e instalación de cuberta no parque infantil do colexio.
Pero a infancia de Covelo quixo ir un paso máis aló e insistíu na necesidade de investir en melloresde marquesiñas e frecuencias de autobuses que promovan a autonomía da mocidade e das familicas con desprazamentos en transporte público que os conecten con outras vilas. Nestes intres xa está solicitada a iinstalación de dúas novas marquesiñas de parada escolar.
Ademais sinalaron como prioritario o mantemento e limpeza do skatepark, punto moi concurrido e de encontro de mocidade e infancia no que practican distintos deportes dificultando moito estas prácticas as épocas de caída de folla das árbores. Unha demanda que vén de ser atendida a través da brigada de desbroce e limpeza de espazos públicos contratada con cargo á Línea 2 do plan +Provincia.
As cuestións mediambientais foron tratadas con bastante detemento indo dende a aposta polas enerxías renovables en edificios públicos, o control da caza furtiva, á sinalización para advertir de animais nas estradas ou lugares para doar alimentos para animais abandonados.
Como novidade o alumnado presentou o proxecto “Paraíso gatuno”. Un universo de protección para felinos no que non lles falte xogo, alimento e recunchos para protexerse. Dende o control das colonias a un parque no que esta especie poida atopar un espazo seguro, a infancia manifestou o seu amor polos gatos e a súa intención de protexelos a través dun proxecto único e pioneiro no concello.
Alcalde e concelleiras tomaron nota de todo con interese, respondendeo ás cuestións formuladas e adiantándolle medidas que xa están en marcha para dar solución a algun dos puntos tratados.,
“Temos unha infancia á que queremos escoitar para deseñar o futuro e gobernar para cubrir as súas necesidades. Sempre están entre os nosos obxectivos de mellora facilitando dentro das nosas competencias todos os servizos públicos posibles e demandando todas aquelas que están nas mans doutras entidades e institucións”, explica Pablo Castillo.
Os vestiarios da piscina municipal, a mellora do servizo de recollida do lixo, de estradas e de accesos ás casas ou un maior número de xogos para maiores nos parques infantís foron algunhas das inquedanzas amosadas por estes grupos da Corporación tan comprometidos.
Proxeccións de cine no auditorio, unha oferta cultural con propostas diferentes, a potenciación da feira ou actividades relacionadas coas ciencias completaron a relación de necesidades.
Facendo gala da súa xenerosidade e compromiso con toda a cidadanía a infancia de Covelo presentou unha boa batería de iniciativas que afectan a tódalas idades e das que farán un exhaustivo seguimento nos vindeiros plenos.