O alcalde de Covelo manifestou a súa satisfacción polas obras de mellora do firme e pola colocación de sinalización indicativa de parroquias “que era ademais unha demanda veciñal”.
A actuación desenvolvida abrangue un ámbito de 6.600 metros dos 10.500 que ten a estrada provincial entre Maceira e Avión. En liñas xerais executáronse melloras nos tramos que presentaban maiores deficiencias, reparando o firme para mellorar a súa capacidade portante e as súas características superficiais. Realizáronse tamén saneos, debido á presenza, entre outros elementos, de auga e raíces de árbores, e tamén se instalou drenaxe naqueles lugares onde había afloracións de auga na calzada. Ademais, na liña de mellorar a seguridade viaria da estrada e salvagardar a debida prestación do servizo público viario, a actuación completouse coa reposición da sinalización horizontal con pintura acrílica.
Durante a súa visita a Covelo, a deputada provincial comprometeuse co alcalde de Covelo, Pablo Castillo, a incluír a mellora na EP-5105 entre Maceira e A Graña no próximo paquete de medidas a desenvolver pola Deputación nas estradas provinciais, “atendendo ás demandas do Concello a Deputación actuará especialmente no traxecto Campo – Rebordechán”.
Ademais, recordou que a estes 300.000 euros investidos na EP-5104 entre Maceira e Avión, a institución provincial acometeu outras obras de conservación e mantemento en estradas da vila por valor de máis de 120.000 euros.
Pola súa parte, o alcalde adiantou que está en proxecto tamén a mellora de cunetas transitables na estrada A Lamosa – A Franqueira no lugar de Corzós e na parroquia de Prado da Canda.