Actualidade e Noticias



O Concello de Covelo adquire unha escopeta para combater a Vespa velutina
- 09/04/2024 -

Catro voluntarios reciben formación para o emprego da Asiatic Wasp Ball
O Concello de Covelo investíu 3.146,54 euros nunha escopeta para combater a Vespa velutina. No día de onte a empresa subministradora impartíu unha clase teórica e práctica na que formou a catro voluntarios.


O alcalde, Pablo Castillo, agradece a colaboración destes veciños que xa viñan traballando de xeito voluntario na erradicación dos niños deste avespón asiático que tantos danos provoca nas árbores froiteiras locais, cultivos e nas colmeas. Co obxectivo de protexer o medio natural ante esta invasión o Concello de Covelo xa leva anos entregando de balde trampas e líquido atraente á veciñanza. Nestes intres, o Concello está repartindo un total de 200 novas trampas de captura de raíñas. Nos últimos seis anos entregáronse 1200 trampas. Ademais, o Concello posúe unha pértiga e participou, ao longo destes anos, en distintas formacións para coñecer as técnicas máis.


Os profesionais que impartiron o curso recomendan estar atentos e informar sobre a localización dos niños na procura de conseguir erradicar as raíñas sendo este o método máis efectivo para reducir o número desta especie invasora. Tamén consideran necesario empregar trampas e líquidos axeitados que non capturen outros insectos ou avespas autóctonas, moi necesarias e importantes para a biodiversidade local.


O set da Asiatic Wasp Ball inclúe diferentes ferramentas para a práctica e para o mantemento como un compresor eléctrico de carga de botellas, mil unidades de difusores, un prolongador de aire e unha mochila para portar este arma, entre outros utensilios.


Agora, os voluntarios realizarán unhas prácticas previas para saír ao campo sendo tamén moi importante a colaboración veciñal ofrecendo información certeira sobre a localización de niños.




<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade