Actualidade e Noticias



A Xunta remata a parcelaria da Graña-Campo, no concello de Covelo, tras reorganizar unha superficie de máis de 600 hectáreas e investir máis de 3 M€
- 21/09/2022 -

Este proceso de reestruturación da propiedade afectou unha superficie de 637 hectáreas, pertencentes a 486 veciños.
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo alcalde de Covelo, Pablo Castillo, entregou este mediodía os títulos de propiedade da concentración parcelaria da Graña-Campo. Este proceso de reestruturación da propiedade afectou unha superficie de 637 hectáreas, pertencentes a 486 veciños.


Grazas a este traballo, que supuxo un investimento de algo máis de tres millóns de euros, pasouse de 13.728 predios a 1.379 fincas. A superficie media das parcelas finais pasou de 464 a 4.619 m², o que significa que se multiplicou por dez.


O alcalde de Covelo amosouse satisfeito pola entrega dos títulos e subliñou a importancia destes procesos que facilitan o mantemento e aproveitamento das terras e mesmo a xestión familiar das mesmas aportando maior organización e control das propiedades. “A concentración parcelaria, ademais, abre ás portas a posibles vías de explotación que xeneren negocio e promovan a economía local”.


Pola súa banda o titular de Medio Rural reiterou a aposta da Xunta polas parcelarias, que definiu como unha “ferramenta fundamental para paliar o minifundismo” e recordou que dende o ano 2009 o Goberno galego destinou un total de 118 millóns de euros para avanzar nesta materia. A maiores, lembrou, o seu deparamento traballa coa previsión de decretar este ano un total de 23 novas zonas de concentración parcelaria, que supoñen case 19.400 hectáreas e que beneficiarán preto de 14.000 propietarios.


José González explicou que as novas concentracións teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Neste senso, sinalou que a Xunta seguirá entregando títulos noutras áreas de Galicia e decretaranse novas zonas onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias.


Ademais, xunto coas parcelarias, engadiu o conselleiro, impulsaranse tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Uns mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.





<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade