Actualidade e Noticias



Covelo axuda a súa veciñanza a cumprimentar o rexistro obrigatorio de explotacións avícolas de autoconsumo
- 17/04/2024 -

Dirixido ás explotacións avícolas de tipo familiar (currais familiares) que manteñen aves domésticas de autoconsumo, sen finalidade comercial
O concello de Covelo informa que todas as persoas empadroadas poderán solicitar nas oficinas do Concello axuda para regularizar os galiñeiros de carácter doméstico. Para facilitar que a veciñanza poida atender ao cumprimento do “Rexistro obrigatorio de explotacións avícolas de autoconsumo” o Concello ofrecerá apoio na tramitación tan só tendo que aportar a persoa interesada o seu DNI e o número de aves que ten.

 

Esta obrigatoriedade afecta aos currais avícolas cuxa finalidade sexa o autoconsumo familiar onde se manteñan aves das especies galiñas, pavos, parrulos, pintadas, gansos, paspallás, perdices, faisáns ou pombas.

 

Enténdese como explotación de autoconsumo aquela explotación que teña como máximo 0,15 Unidades de Gando Maior (UGM) de capacidade máxima de aves de curral (máximo 30 galiñas poñedoras ou 50 polos de engorde e os seus equivalentes noutras especies), e que en ningún caso, comercialice os animais ou os seus productos (carne, ovos, outras producións...). No caso de que exista comercialización serán consideradas como explotacións avícolas reducidas.

 

Non poderán ter a consideración de explotación avícola de autoconsumo aquela que crie especies de aves corredoras (ratites).

 

As instalacións onde se manteñan soamente aves ornamentais non se consideran explotacións de autoconsumo.

 

Estas explotacións, agás o seu rexistro, non teñen que cumprir ningún requisito adicional; a única finalidade deste rexistro é o coñecemento da súa existencia e localización por parte da autoridade competente en materia de sanidade animal, información necesaria en situacións de riscos sanitarios por enfermidades das aves nas que se precise o seu control pola autoridade competente.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade