Actualidade e Noticias



34 novos fogares apúntanse á compostaxe en Covelo
- 25/04/2024 -

O Concello de Covelo en colaboración coa Sociedade Galega de Medio Ambiente entregou 34 novos composteiros e ofreceu aprendizaxe para un mellor aproveitamento e rendemento
O Concello de Covelo entregou 34 novos composteiros grazas ao Programa de compostaxe doméstica da Sociedade Galega de Medio Ambiente ao que está adherido o Concello. Trinta e catro novos fogares aproveitarán os restos orgánicos que xeran para convertelos en nutrientes para os cultivos e farán útiles os restos que antes eran desbotados nos contedores. Un refugallo que cobrará unha nova vida e contribuirá a facer máis fértil a terra.


A compostaxe doméstica é o proceso de descomposición biolóxica da materia orgánica xerada no fogar, como son os restos de comida e podas, obtendo un abono natural con excelentes propiedades para o solo e que o propio produtor pode utilizar na súa horta, xardín e terras de cultivo, en substitución dos fertilizantes artificiais.


O alcalde, Pablo Castillo, sinala que continuará na súa aposta por promover hábitos de vida máis respectuosos co medio natural, sendo este unha das principais riquezas do Concello. “O axeitado aproveitamento dos residuos orgánicos non só supón unha acción máis na protección do noso patrimonio natural ao substituir aos produtos químicos tamén pode ser un bo recurso para facer máis produtiva a terra. Somos conscientes do noso importante papel a nivel medioambiental, sobre todo, na área metropolitana e na súa contorna, sendo un dos concellos de referencia para o desfrute da natureza, un motivo máis para fomentar o seu coidado e a súa posta en valor”.


Neste sétimo programa SOGAMA, en colaboración co Concello, facilitou ás persoas interesadas un total de 34 composteiros, un manual de compostaxe doméstica e un pequeno curso de formación dunha hora de duración para procurar o maior éxito na implantación da experiencia composteira.



<< Ver anterior noticia    |    Ir al listado    |    >> Ver siguiente noticia
 

Logos W3C-WAI Leader Agader UE Ministerio Sostibilidade