• Galego
  • Español
  • English
Concello de Covelo
O concello de Covelo
Mapa de situacin
Covelo

Covelo é un municipio situado na provincia de Pontevedra, no sur de Galicia, no noroeste da península Ibérica. Trátase dun concello eminentemente rural cun grande valor paisaxístico e natural principalmente determinado por dous elementos naturais: a Serra do Suído e mais o río Tea, que modelan as máis das características destas terras.

  • O Suído impón a súa presenza pétrea outorgando características de media montaña a boa parte do concello. Na serra convive o gando ceibo, aldeas e construcións humanas, e o lobo. A convivencia entre todos eles proporciona un valor especial a este Concello.
  • O río Tea ten nestas terras o seu nacemento. É un dos ríos mellor conservados do sur de Galicia debido á riqueza dos seus hábitats. Nas súas augas e ribeiras están presentes numerosas especies como a anguía, o reo, o salmón ou a lontra. E unha frondosa cuberta vexetal confírelle en moitos tramos un aspecto bucólico e fermoso.

Ao longo dos séculos, as comunidades humanas asentadas nestas terras valéronse dos recursos naturais. Derivada desta relación xurdiu unha paisaxe agraria con características propias. É así que cada recanto, o territorio ofrece lugares e paisaxes privilexiadas, e predispón ao visitante á descuberta dun territorio que abraia a cada volta do camiño. E para que a experiencia dos visitantes sexa plena, o Concello de Covelo ofrece a posibilidade de coñecer os seus recursos da man das novas tecnoloxías. Calquera usuario cun reprodutor mp3, teléfono móbil ou GPS con reprodución de audio pode vivir a experiencia de ver, percorrer, sentir e escoitar todo canto lle ofrece Covelo. Quérelo experimentar?

As rutas

O territorio polo que transcorre esta ruta aparece condicionado pola presenza do río Xabriña. Ao longo do seu percorrido atravesa contornos de alto valor natural, onde destaca a presenza dunha rica arquitectura tradicional vinculada á auga. Poderás percorrer muíños, levadas de auga e pontellas de vellas lousas luídas.


Tamén hai que destacar a existencia de elementos patrimoniais relacionados coa actividade dos cereiros e a produción de candeas en lugares como Paraños e A Lamosa.

  • Denominación da ruta: Ruta do Xabriña. PR-G 119
  • Tipo de percorrido: circular, aínda que pode facerse por tramos. Recoméndase en sentido contrario ás agullas do reloxo
    • Punto de partida: Parroquia de Paraños
    • Punto de chegada: Parroquia de Paraños
    • Acesos alternativos: A Lamosa, Corzós, Prado da Canda
  • Dificultade: media
  • Lonxitude: 17 quilómetros
  • Tempo aproximado: 6 horas
  • Medio: 1
  • Itinerario: 2
  • Distancia: 3
  • Esforzo: 3

O percorrido da ruta AQA atravesa un espazo natural condicionado pola presenza da auga, que actuou como modeladora dunha paisaxe de vales e valgadas. Son numerosos os elementos patrimoniais presentes ao longo da ruta e relacionados cos usos da auga, como presas e levadas para o rego, fontes, muíños onde moer. Outros puntos de interese presentes na ruta son a praia fluvial de Maceira e a igrexa e reitoral de Barcia de Mera.

  • Denominación da ruta: Ruta AQA
  • Tipo de percorrido: lineal con tres tramos diferenciados e unha variante. Pode comezarse en varios puntos
    • Punto de partida: Covelo
    • Punto de chegada: Barcia de Mera
    • Acesos alternativos: Lourido, Praia Fluvial de Maceira, Redondo, Barcia de Mera
    • Variante: Lourido - Redondo
  • Dificultade: baixa
  • Lonxitude: 15,6 quilómetros
  • Tempo aproximado: 6 horas

Esta ruta ten o río Tea como guía de boa parte do percorrido. Aínda así, como elemento patrimonial importante deste percorrido destaca o serradoiro dos Carranos, un vello serradoiro que funcionaba movido pola auga e que lle dá nome á propia ruta. Tamén se pode visitar a praia fluvial de Maceira e a reitoral de Fofe, punto de inicio e remate da camiñada.

  • Denominación da ruta: Ruta dos Carranos PR-G 95
  • Tipo de percorrido: circular
    • Punto de partida: Reitoral de Fofe
    • Punto de chegada: Reitoral de Fofe
    • Variante: Porta Liñares – Praia Fluvial de Maceira
  • Dificultade: baixa
  • Lonxitude: 8 quilómetros
  • Tempo aproximado: 3 horas
  • Medio: 2
  • Itinerario: 2
  • Distancia: 3
  • Esforzo: 2

A ruta da Poza de Piñeiro transcorre pola Serra do Suído, un contorno natural condicionado por unha xeografía agreste. A serra é un dos elementos naturais que, xunto ao río Tea, define o territorio de Covelo, o que fai deste concello, un lugar de alto valor natural. O Suído é unha das serras galegas que alberga poboacións de lobo. Destaca a existencia da poza que dá nome á propia ruta. Na súa orixe foi construída para regar os labradíos do lugar de Piñeiro, mais na actualidade é considerada un lugar de interese natural. O traxecto ofrécenos a posibilidade de gozar dunhas vistas privilexiadas sobre o val do río Tea.

  • Denominación da ruta: Ruta de Poza Piñeiro
  • Tipo de percorrido: lineal
    • Punto de partida: Lugar de Piñeiro
    • Punto de chegada: Poza de Piñeiro
    • Variante: Lourido - Redondo
  • Dificultade: media - alta
  • Lonxitude: 7 quilómetros
  • Tempo aproximado: 2 horas e media